Friday 13 de September de 2024

As rúas de Pobra vivirán unha intensa actividade cultural durante o verán


Música, baile, teatro, espectáculos… Non faltará nada no Verán Cultural deseñado pola Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal para desfrutar da tempada estival con actividades ao aire libre. Máis de vinte propostas integran esta axenda, algunhas delas en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña. A concelleira da Cultura, Patricia Lojo, e a técnica municipal desta área, Fita Sanisidro, encargáronse de debulla-lo amplo e diverso programa que animará a localidade durante os meses de xullo e agosto.

O eido musical constará do Sons da Vila (dez concertos durante xullo e agosto); XI Encontro de Música e Baile Tradicional, promovido pola asociación Xiada (13 de xullo, ás 21.00 horas, na praza Alcalde Segundo Durán); Barahúnda (19 de xullo, ás 22.30 horas, no adro do Castelo); Banda de Música Ateneo Musical da Pobra (26 de xullo, ás 22.00 horas, no Cantón da Leña); Festival de Verán de Canto, Baile e Música Tradicional Caramiñas impulsado pola Asociación de Amas de Casa da Pobra (27 de xullo, ás 21.00 horas, no Cantón da Leña); novamente a Banda de Música Ateneo Musical da Pobra (2 de agosto, ás 22.00 horas, no Cantón da Leña); o XXVI Encontro de Habaneras, da Asociación de Amas de Casa da Pobra (10 de agosto, ás 20.30 horas, na igrexa de Santiago do Deán); Clara Pino & Pablo Vidal e banda (15 de agosto, ás 21.30 horas, no Cantón da Leña); Toboghán e Forraje (16 de agosto, ás 22.30 horas, na praza Alcalde Segundo Durán); Fillas de Cassandra (19 de agosto, ás 22.30 horas, na praza Alcalde Segundo Durán); Gala Lírica de Zarzuela (23 de agosto, ás 22.00 horas, na praza Alcalde Segundo Durán); Paisaxes Sonoras con The Rapants (24 de agosto, ás 20.30 horas, en punta Cabío); concerto de película II da Banda de Música Ateneo Musical da Pobra (25 de agosto, ás 22.00 horas, na praza Alcalde Segundo Durán); e Festival X Aniversario Arrancadeira (31 de agosto, ás 20.30 horas, na praza do Emigrante).

Varios espectáculos entreterán ao público infantil: Anímate, de Expresión Produccións (16 de xullo); Son Animal, de Paco Nogueiras (18 de xullo); Sideral Circus Tour, con Kalambre Cultural (23 de xullo); Hoxe si!, de Sempre Arriba (30 de xullo); Glamping, con SU.MA (6 de agosto); Soño, de O Show de Fifo (8 de agosto); e Máis saaabor, con Culturactiva Producións (22 de agosto). Todas eles serán no Cantón da Leña, ás 20.30 horas, agás o último do mes de agosto que está programado para as 21.30 horas.

A animación de rúa correrá a cargo de Sarao con O bosque vivente (1 de agosto, ás 21.30 horas) e Troula Animación coa súa Pachamama (14 de agosto, ás 21.30 horas).

Tamén haberá oco para as artes escénicas. Bradomín Teatro levará a escena a función Unha residencia con moita marcha. A cargo da Asociación de Amas de Casa da Pobra, representarase sobre as táboas do teatro cine Elma, no 25 de xullo, ás 21.00 horas.

E tocará move-lo corpo cos obradoiros de baile da man de El TomaSon, no 3 de agosto, de 11.30 a 13.30 horas, polas prazas da vila; ademais da sesión A Pobra Baila!, tamén con esta escola de baile no 3 de agosto, pero ás 21.00 horas e no Cantón da Leña.